Para os efectos da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo (en diante, LRJ), a actividade de xogo é aquela na que se arriscan cantidades de diñeiro ou obxectos economicamente avaliables en calquera forma sobre resultados futuros e incertos, dependentes nalgunha medida do azar, e que permitan a súa transferencia entre os participantes, con independencia de que predomine neles o grao de destreza dos xogadores ou sexan exclusiva ou fundamentalmente de sorte, envite ou azar.
Polo tanto, para que unha actividade quede baixo o ámbito de aplicación da LRJ, debe reunir de xeito concorrente os tres seguintes elementos:
1.PAGAMENTO por participar. A participación debe realizarse a título oneroso.
Por iso, exclúense do concepto de actividade de xogo de azar todas aquelas actividades que, mesmo se reúnen os outros dous elementos da actividade de xogo, se realicen a título gratuíto.
2.AZAR na determinación do resultado.
O resultado sobre o que se arriscan as cantidades de diñeiro ou os obxectos avaliables economicamente debe ser futuro e incerto e depender nalgunha medida do azar. As regras de cada un dos xogos ou actividades de azar especificarán en que momento se somete ao azar a determinación do resultado.
Aquelas actividades nas que o azar non se articule como determinante nalgunha medida do resultado non se considerarán actividades de xogo (por exemplo: a concesión dun premio a través da valoración dun xurado nomeado ad hoc e con carácter previo á actividade).
3.PREMIO transferido ao participante gañador.
A consecuencia de resultar gañador nunha actividade de xogo é a transferencia ou incorporación ao patrimonio do participante gañador do diñeiro ou obxecto avaliable economicamente. Os premios poderán ser en metálico ou especie dependendo da modalidade de xogo. Se non hai premio, non hai actividade de xogo de azar.