O alcance da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo, esténdese a toda actividade de organización, explotación e desenvolvemento de actividades de xogo de ámbito estatal realizadas a través de medios electrónicos, informáticos, telemáticos e interactivos, na que os medios presenciais teñen carácter accesorio, así como á actividade publicitaria conectada con esta, sempre que tales actividades se dirixan a todo o territorio do Estado, adoptando o criterio de distribución competencial establecido noutras normas sectoriais como a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico.
De conformidade coa Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, queda prohibida a publicidade, patrocinio ou promoción, baixo calquera forma, dos xogos de sorte, envite ou azar e a publicidade ou promoción dos operadores de xogo, cando se careza da correspondente autorización para a realización de publicidade contida no título habilitante.
Regulamentariamente estableceranse as condicións que se incluirán nos respectivos títulos habilitantes da autorización da actividade publicitaria e os seus límites.
Ata a publicación do Real decreto polo que se desenvolva o artigo 7 da Lei 13/2011, de 11 de novembro, de regulación do xogo, a publicidade, patrocinio e promoción das actividades de xogo realizarase de conformidade co disposto no citado artigo 7, a Lei 34/1988, de 11 de novembro, xeral de publicidade e a súa normativa de desenvolvemento, a Lei 3/1991, do 10 de xaneiro, de competencia desleal e a Lei 29/2009, do 30 de decembro, pola que se modifica o réxime legal da competencia desleal e da publicidade para a mellora da protección dos consumidores e usuarios.