Relacións institucionais

 

A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo (DXOX) mantén relacións con distintos organismos e agrupacións, tanto da Administración e do sector público, coma do sector privado, fundacións e asociacións de diversa índole.  Pasamos brevemente revista ás principais destas relacións institucionais e o seu carácter.

 

Consello de Políticas do Xogo Volve ao comezo da páxina

A Lei 13/2011 de regulación do xogo, nos seus artigos 34 e 35, establece o Consello de Políticas do Xogo (CPX; en español CPJ) como o órgano de participación e coordinación das comunidades autónomas e o Estado en materia de xogo.

O Consello de Políticas de Xogo está formado polos conselleiros autonómicos que desempeñen as responsabilidades en materia de xogo en todas as comunidades e cidades autónomas, e por un número paritario de representantes da Administración Xeral do Estado. A Presidencia do Consello corresponde ao titular do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, quen pode delegar, como os demais membros do Consello, as súas funcións, asistencia e voto.

A Lei 13/2011 establece igualmente que as comunidades autónomas e o Estado, mediante o Consello de Políticas do Xogo, promoverán as actuacións pertinentes para favorecer a converxencia do réxime xurídico e fiscal, así como a regulación en materia de publicidade, patrocinio e promoción aplicable a calquera modalidade de xogo, tipo de xogo e operador, en todo o territorio nacional.

O Consello de Políticas do Xogo entende das seguintes materias:

  • Normativa básica dos diferentes xogos
  • Desenvolvemento da regulación básica dos xogos e das bases xerais dos xogos esporádicos.
  • Criterios de outorgamento de licenzas.
  • Definición dos requisitos dos sistemas técnicos de xogo e a súa homologación
  • Principios para o recoñecemento das certificacións e homologacións de licenzas polos órganos das comunidades autónomas competentes en materia de xogo.
  • Coordinación da normativa sobre medidas de protección aos menores e persoas dependentes e vulnerables.
  • Estudo das medidas que se van propoñer ao Estado e as comunidades autónomas que permitan avanzar na equiparación do réxime xurídico aplicable, incluído o ámbito tributario, ao xogo realizado a través de canles electrónicas, informáticas, telemáticas e interactivas e ao xogo presencial, así como ás actividades de publicidade e de patrocinio das devanditas actividades, promovendo as consultas ás asociacións representativas do sector.
  • De todo aspecto das actividades de xogo que dada a súa natureza precise dunha actuación coordinada do Estado e das comunidades autónomas.

 

Documentación do CPX Volve ao comezo da páxina

Dentro das competencias que o CPX ten atribuídas, ao longo do ano 2014 iniciouse un labor de revisión da normativa autonómica coa finalidade de aproximar as regulacións autonómicas no marco dos principios recoñecidos na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado. Dentro deses traballos analizáronse os requisitos esixidos polas comunidades autónomas á hora de acceder á actividade de xogo por parte dos operadores nos distintos subsectores, así como os requisitos esixidos ás máquinas B e as máquinas operadas por servidor.

Documentación do CPX elaborada ao longo do ano 2014.

 

Relacións institucionais con outros ministerios e organismos públicos Volve ao comezo da páxina

Adicionalmente, a DXOX mantén liñas de cooperación con outros ministerios, e entidades da Administración, como o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Secretaría de Estado para as Telecomunicacións e a Sociedade da Información, con quen estableceu conxuntamente o Acordo de corregulación (PDF, aprox. 738 kB) e o Código de conduta sobre comunicacións comerciais das actividades de xogo (PDF, aprox. 401 kB). 

Tamén mantén contactos co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para colaborar no tratamento de afectados por ludomanías.

Así mesmo, a DXOX colabora coas forzas e corpos de seguridade competentes na investigación de vixilancia e inspección do cumprimento da normativa en materia de xogo e co Servizo Executivo da Comisión de Prevención do Branqueo de Capitais e Infraccións Monetarias na prevención de fenómenos de branqueo de capitais.

 

Relacións institucionais coa UE e outros reguladores europeos Volve ao comezo da páxina

A DXOX mantén contactos cos organismos da Unión Europea que coordinan os temas relativos ao xogo. Aínda que a Comisión Europea considera que a regulación do Xogo, e os aspectos relativos a este, son competencia dos Estados membros, supervisa que as normas nacionais non impidan a libre competencia nin supoñan barreiras ao establecemento de empresas comunitarias.

De forma permanente contáctase cos órganos reguladores de países europeos que contan cunha regulación do xogo semellante á española, co obxecto de promover a cooperación e o intercambio de información entre todos eles, o que facilita a coordinación das diversas regulacións e sistemas de inspección nacionais, con vistas á futura construción dun contexto supranacional de autorización de xogo.

Comunicado conxunto da reunión de reguladores europeos de Barcelona en xuño de 2012 (PDF, aprox. 119 kB)

 

Coa sociedade civil Volve ao comezo da páxina

A principal función da DXOX, e a súa verdadeira razón de ser, é a protección dos consumidores españois, en xeral, e máis especificamente, dos menores e dos grupos de persoas dependentes e vulnerables fronte á adicción ao xogo.

Co fin de lograr o mellor cumprimento desta función, a DXOX estableceu vínculos e canles de colaboración para o seu estudo.

Así mesmo, establecéronse medidas de protección para os grupos afectados, e de prevención da ludomanía, con distintos interlocutores da sociedade civil como asociacións de ludómanos rehabilitados, universidades que estudan o tema da adicción ao xogo, tanto dende unha perspectiva social como médica, así como tamén con centros de atención e tratamento da adicción ao xogo e investigadores.

A través das liñas de colaboración establecidas, inténtase conseguir un alto grao de protección dos grupos vulnerables e o establecemento de medidas e de sistemas de atención aos posibles afectados polas consecuencias negativas do xogo.

A DXOX colabora igualmente cos propios operadores de xogo para o establecemento e posta en práctica destas medidas.