Xogos reservados de lotarías

LOTARÍAS: actividades de xogo nas que se outorgan premios nos casos en que o número ou combinación de números ou signos, expresados no billete, boleto ou o seu equivalente electrónico, coinciden en todo ou en parte co determinado mediante un sorteo ou evento celebrado nunha data previamente determinada ou nun programa previo, no caso das instantáneas ou presorteadas.

O desenvolvemento, xestión e comercialización non ocasional de xogos de lotaría de ámbito estatal queda reservada aos operadores designados:

Sociedade Estatal Lotarías e Apostas do Estado, S.A.  (S.M.E.) Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE)
Lotarías e Apostas do Estado ONCE
http://www.loteriasyapuestas.es http://www.once.es

 

Polo tanto, son estas dúas Entidades as únicas capacitadas para o desenvolvemento, xestión e comercialización non ocasional de xogos de lotaría de ámbito estatal, sen que sexa posible que outras Entidades ou persoas xurídicas soliciten ou obteñan licenza para a explotación non ocasional de xogos de lotarías.

Os xogos xestionados por ambas as dúas entidades poderán comercializarse en billetes, boletos ou calquera outra forma de participación cuxo soporte poida ser material, informático, telemático, telefónico ou interactivo, directamente ou a través de calquera establecemento da súa rede comercial externa.

Autorización para a comercialización non ocasional de xogos de lotaría:

A autorización para o desenvolvemento, xestión e comercialización non ocasional de xogos de lotaría, ou, no seu caso, a súa modificación, corresponde ao titular do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, logo de solicitude do operador legalmente designado, que interese a autorización.

Autorización para a comercialización de xogos de lotaría de ámbito superior ao estatal:

Logo de solicitude do operador autorizado par a comercialización dos xogos de Lotaría, corresponde ao titular do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a autorización, ou, no seu caso, a modificación da autorización concedida, para a comercialización de xogos de lotaría cuxo ámbito territorial non se limite en exclusiva ao do Estado, e en particular para:

  • O desenvolvemento, xestión e comercialización de xogos de lotaría de forma conxunta ou coordinada con operadores habilitados doutros Estados.
  • O desenvolvemento, xestión e comercialización noutros Estados dos xogos de lotarías comercializados en España.
  • O desenvolvemento, xestión e comercialización por parte dos operadores autorizados en España de xogos de lotarías de operadores habilitados noutros Estados.

Autorización excepcional para a comercialización ocasional de xogos de lotaría:

Con carácter excepcional, o titular do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas poderá autorizar o desenvolvemento, xestión e comercialización ocasional de xogos de lotaría que se desenvolvan por entidades sen fins lucrativos e finalidade benéfica.

As entidades sen fins lucrativos e finalidade benéfica interesadas no desenvolvemento, xestión e comercialización ocasional de determinado xogo de lotarías, deberán presentar a súa solicitude, que deberá conter:

  1. Identificación da entidade interesada e do seu representante.
  2. Documentación acreditativa da constitución da entidade, inscrita no Rexistro correspondente.
  3. Enderezo para os efectos de notificacións en España.
  4. Lugar, data e sinatura do solicitante.
  5. Credencial de estar ao corrente das obrigas fiscais e de Seguridade Social.
  6. Se é o caso, solicitude de autorización para realizar actividades de publicidade, promoción ou patrocinio.

E, ademais os seguintes datos:

  1. Acreditación da condición de entidade sen fins lucrativos e finalidade benéfica.
  2. Memoria económica coas previsións económicas e o destino dos fondos a obter.
  3. Proposta de regras particulares.
  4. Importe total dos billetes ou soportes de participación que se pretenda emitir.
  5. Forma e medios de comercialización.
  6. Programa de premios.
  7. Lugar, data e hora de celebración do Sorteo.

Colaboradores na comercialización de xogos de lotarías.

As persoas, físicas ou xurídicas, ou entidades que participen na comercialización de xogos de lotarías, como, por exemplo,

  • Organizadores de penas
  • Empresas cuxa actividade se corresponde coa prestación aos seus clientes de servizos de asesoramento, custodia, pagamento, cobramento, xestión de documentación e representación directa ou indirecta nas súas relacións cos puntos de venda dos operadores designados para a comercialización de xogos de lotarías.
  • Axentes comerciais dos anteriores.
  • Outros similares,

deberán contar para o exercicio da súa actividade coa autorización expresa do operador designado para o desenvolvemento do xogo en cuxa comercialización participen.

Os que actúen sen contar coa referida autorización poderán ser sancionados como autores de infraccións moi graves ou graves segundo o réxime sancionador establecido na LRX.

RÉXIME FISCAL

As persoas, físicas ou xurídicas, que desenvolvan, xestionen e comercialicen xogos de lotaría de ámbito estatal non estarán suxeitos ao pagamento do Imposto sobre actividades de xogo.

As persoas, físicas ou xurídicas, ou entidades que participen na comercialización de xogos de lotarías non estarán suxeitos ao pagamento do Imposto sobre actividades de xogo. Non obstante o anterior, o desenvolvemento da súa actividade quedará suxeita ás obrigas tributarias xerais de calquera persoa, física ou xurídica, que realice unha actividade económica.