Homologación e certificación

Homologación dos sistemas técnicos de xogo

Os operadores que exploten e desenvolvan xogos deberán dispoñer do material software, equipos, sistemas, terminais e instrumentos en xeral necesarios para o desenvolvemento destas actividades, debidamente homologados.

A regulación en materia de xogo establece os requisitos técnicos que os sistemas dos operadores deben cumprir.

A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo realiza un control do cumprimento dos requisitos técnicos en diferentes momentos:

  1. O control previo á obtención de licenza, no que se avalían documentalmente os Proxectos Técnicos e os Informes Preliminares de Certificación.
  2. A homologación definitiva nos 6 meses posteriores á obtención da licenza, mediante a valoración dos Informes Definitivos de Certificación.
  3. A xestión dos cambios respecto ao sistema homologado.
  4. O control permanente a través da actividade inspectora.
  5. A auditoría dos sistemas técnicos cada dous anos.

Para o control do cumprimento dos requisitos técnicos a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo pode apoiarse en informes emitidos por entidades de certificación previamente designadas nun procedemento aberto no que se avalía a súa experiencia e profesionalidade.

Control previo á obtención da licenza

A homologación inicial realízase no marco do procedemento de outorgamento de licenzas xerais e singulares. A homologación inicial é fundamentalmente documental.

O operador que solicite unha licenza deberá proporcionar o seu Proxecto Técnico acompañado cun Informe Preliminar de Certificación de cumprimento dos requisitos técnicos, e no caso de licenzas xerais tamén un Informe de Certificación do Sistema de Control Interno.

O modelo e contido dos informes de certificación establécense na Resolución do 16 de novembro de 2011  (PDF, aprox. 231 KB) da Dirección Xeral de Ordenación do Xogo.

Homologación definitiva

A obtención da homologación definitiva nos seis meses posteriores á obtención da licenza é imprescindible: as licenzas xerais están condicionadas e as licenzas singulares son provisionais ata a obtención da homologación definitiva.

Os Informes Definitivos de Certificación avalían o sistema técnico de xogo efectivamente empregado por cada operador.

Os Informes Definitivos de Certificación deberán presentarse polo operador interesado no prazo improrrogable de catro meses contados dende que lle tivese sido notificada a resolución de outorgamento da licenza xeral ou da licenza singular provisional. O modelo e contido dos informes definitivos de certificación establécense na Resolución de 12 de xullo de 2012 da Dirección Xeral de Ordenación do Xogo.

Unha vez recibido o informe definitivo de certificación e previa a valoración favorable deste, a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo procederá á homologación definitiva do sistema técnico de xogo.

A xestión dos cambios

O necesario dinamismo, evolución e innovación nos sistemas técnicos de xogo require que os operadores realicen cambios respecto ao sistema técnico homologado.

O operador debe dispoñer dun procedemento de xestión de cambios documentado, que controle os cambios dos equipos e compoñentes do sistema técnico de xogo efectivamente empregado.

O operador debe enviar un informe trimestral á DXOX que describa os cambios realizados no período e manteña actualizada a descrición do sistema técnico.

Atendendo a criterios de proporcionalidade, cando o operador pretenda realizar modificacións substanciais que afecten a compoñentes críticos, a posta en produción dos cambios requirirá a previa autorización da DXOX tras a presentación do correspondente informe de certificación.

Ante situacións de emerxencia extraordinaria que afecten á seguridade, debidamente acreditadas e comunicadas á DXOX, o operador poderá introducir cambios substanciais nos compoñentes críticos e solicitar posteriormente a súa autorización.

O detalle da xestión de cambios establécese no artigo décimo da Resolución de 12 de xullo de 2012 da Dirección Xeral de Ordenación do Xogo.

Documentos de traballo sobre homologación e certificación